martes, 23 de octubre de 2007

Non Volvas (Suso de Toro)





"Tivo de ser xusto cando morría que a súa nai lle pedise algo(.....)Colléralle a man coa forza que puido para reterlla e faláralle, advertíralle que nunca debía ir alá a nada. Iso dixera aquela vella imperfecta, morría sen que abandonase a rabia xorda do aborrecemento, non se abandonaba á morte, non tiña vontade de morrer porque non podía, tampouco habería descanso para ela, só máis loita inútil e derrota,definitivamente inexorábel. Iso dixera, que non fora alá a nada, pedíralle.E ela, atrapada a súa man redonda e morna naquela trampa de ósos e pelello que xa traía dentro aquela morte que viña,que xa estaba a correr por dentro, non soubera que dicir;quixera prometerllo, era para facelo, mais enmudeceu porque aquela advertencia caeu dentro dela e abriuse en todas as direccións e ameazaban nacerlle todas as preguntas que nunca naceran e quería resumilas nunha, ¿por que non debía ir alá a nada?"






A historia dunha muller que abandona a súa vida na cidade reclamada polo seu pasado e volve ao lugar que lle está prohibido, a aldea da súa infancia onde súa nai lle pediu que non volvese. Fóra da súa vida e fóra do tempo pisa con paso fantasmal un lugar de sombras, unha aldea maldita, para desvelar os misterios da súa orixe. A xustiza pola man. Camiños dun territorio que só existe no tempo do soño, do pesadelo; como Comala, como Yoknapatawpha, co
mo Macondo. Unha viaxe cara atrás, á raíz dos nosos días, á nosa Historia colectiva oculta e á historia persoal dunha xinea de mulleres construídas a poder dunha linguaxe literaria que quere atrapar o tempo íntimo e o tempo épico. E que nos arrastra coa protagonista nunha viaxe ao fondo do noso corazón e da nosa memoria.











Suso de Toro é unha das máis importantes figuras da narrativa galega contemporánea. Cada un dos seus libros é seguido por milleiros de lectores e lectoras que avalan unha obra orixinal e radicalmente comprometida coa contemporaneidade. Suso de Toro é autor dos libros de relatos Caixón desastre (1983), Polaroid (1986) e Círculo (1998), e das novelas Land Rover(1988), Ambulancia (1990), Tic-Tac (1993) Premio da Crítica Española, A sombra cazadora (1994), Conta saldada (1996) e Calzados Lola (1997) Premio Blanco Amor, da obra de teatro Unha rosa é unha rosa (1997) e do libro de conversas Camilo Nogueira e outras voces (1991). Colaborador habitual en prensa, guionista de cine e televisión, a súa obra ensaística está recollida nos volumes F.M. e outros textos e Parado na tormenta.







No hay comentarios: